O Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns fai balance do feito desde o 2012

cartaz-foro-debateO Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns naceu a comezos do ano 2012, en plena ofensiva privatizadora dos servizos públicos, do recorte de dereitos políticos, sociais e laborais, levada adiante por distintos gobernos, independentemente da súa cor e ámbito, e practicamente en todas as institucións. A nosa intención foi e segue a ser concienciar e promover unha mobilización en defensa dos bens comúns: a sanidade pública, as prestacións por desemprego, as pensións, os dereitos democráticos, etc.

Con esta intención ao longo destes anos, organizamos concentracións, actos públicos, debates, participamos en manifestacións organizadas por outras plataformas en defensa da sanidade e dos servizos públicos e protestamos pacífica, silenciosa, reiterada e contundentemente nos plenos do concello de Marín contra as políticas de recortes.

Despois de máis de 30 meses da creación do Movemento os motivos e obxectivos que perseguíamos naquela altura están máis vixentes do que nunca. Os servizos públicos seguen a sufrir recortes e privatizacións, os dereitos de manifestación e opinión son limitados, os dereitos sociais e laborais case desapareceron.

Polo tanto, reafirmámonos como un movemento veciñal político, aberto, plural e apartidario, lonxe, xa que logo, dos esquemas, lóxicas e intereses dos partidos políticos.

E valorando como positiva a nosa acción durante todo este tempo, relanzamos a nosa actividade este curso organizando un foro aberto de debate no que o protagonismo e o peso será das persoas partícipes. A maior parte dos actos e debates, os nosos incluídos, que se celebran na nosa vila teñen como único protagonista a ou o conferenciante deixando a veciñanza como mera espectadora.

O Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns quere romper con esa dinámica, por iso poñemos a andar un novo formato no que as e os veciños sexan os protagonistas, para que tomen a palabra e expresen a súa opinións libremente sobre os distintos temas que vaiamos propoñendo para tirarmos conclusións conxuntas, sen necesidade de intermediarios, que abran novas vías de actuación.

O primeiro destes debates celebrarase o vindeiro 17 de outubro a partir das 20:30h no local do Ateneo Santa Cecilia arredor da reforma electoral proposta polo goberno do estado e a participación cidadá nos concellos e outras institucións.

No mes de Novembro temos previsto debater sobre a dotación sanitaria no concello de Marín, sobre as condicións mínimas que debe ter o novo centro de saúde así como a xestión que se vai facer del.